
CURSO DE INICIACIÓN Á TÉCNICA VOCAL
PRESENTACIÓN
Neste curso acompañarémoste no marabilloso proceso de descubrimento da túa propia voz. Neste nivel de iniciación aprenderás os fundamentos da técnica vocal, tanto fisiolóxicos como técnicos, coñecendo a anatomía básica da voz, os diferentes rexistros vocais, exercicios de quecemento, o uso da respiración abdominal e a identificar o teu rexistro de voz. A cantar!
Este curso está ao cargo de Xabier Mera, músico e compositor, cantante, director de coros e pedagogo musical. Podes contactar con el no correo xabier.mera@centroxove.com para resolver calquera dúbida con respecto ao curso. Opcionalmente, é recomendable que se tes o compromiso de realizar todo o curso, fagas co titor primeiramente unha proba de tesitura de voz e de saúde vocal. Se ese é o teu caso, escríbelle para concertar unha cita en liña.
PREGUNTAS FRECUENTES
É preciso que teña experiencia musical ou coñecementos de solfexo?
Non. Aínda que sempre axudará calquera formación previa que teñas, o curso está aberto a todas as persoas que xa saben respirar soas. En serio 😉
Canto dura o curso?
Pois depende. O curso está planificado para que poida ser seguido de xeito autónomo por calquera persoa, cunha duración de entre un mes e dous meses, contando co visionado dun par de vídeos máximo por semana (máis 2-3 ensaios teus extra por semana), para facilitar a súa práctica e interiorización. Con todo, a duración dependerá principalmente da túa dispoñibilidade e sobre todo da túa dedicación.
Podo apuntarme directamente a un nivel máis avanzado de curso de técnica vocal?
Non haberá problema, mais ten en conta que nese caso terás que solicitar unha pequena entrevista co titor para determinar o teu nivel e/ou experiencia
É preciso que me apunte tamén ao Laboratorio Coral?
Non. Os dous cursos son independentes. Con todo, os dous son complementarios ao 100%. O laboratorio Coral é unha excelente motivación para poñer en práctica o que vaias aprendendo nos Cursos de Técnica Vocal, especialmente no nivel iniciación.
Necesito algo en especial antes de comezar?
Si. Ganas de cantar! :))
OBXECTIVOS XERAIS
- Coñecer a anatomía básica implicada na produción da voz: o aparato respiratorio, o aparato fonador e aparato resoador
- Usar o corpo de xeito organizado para o canto.
- Aprender os diferentes tipos de respiración, con especial coidado en saber usar a respiración abdominal.
- Identificar a tesitura da nosa voz: soprano, contralto, tenor, baixo.
- Comezar a usar os diferentes rexistros da voz, especialmente o rexistro de peito e o rexistro de cabeza, tendo un bo control do “pasaggio” entre eles dous.
- Recoñecer as tensións corporais máis habituais no canto, e aprender a evitalas de xeito
- Fornecernos dunha táboa básica de exercicios de quecemento da voz.
- Deseñarnos unha rutina ordenada de estudo e práctica vocal, de aproximadamente unha hora. Deste xeito, neste nivel de iniciación comezaremos polo posicionamento corporal, seguido pola práctica da respiración e de exercicios de quecemento vocal. Todo como paso previo obrigado en cada sesión antes da práctica vocal de repertorio e cancións..
Os vídeos están presentados dun xeito progresivo, onde cada un deles vai sumando coñecementos e prácticas dos anteriores. Por iso, recomendámosvos que para o primeiro visionado de todos os vídeos, o fagades na orde que vos propoñemos. Despois dunha primeira rolda, para o voso estudo autónomo, sentídevos libres de navegar entre un e outro vídeo localizando os contidos que queirades afianzar ou usando os exemplos prácticos que se vos propón neles para que os usedes reiteradamente nas vosas sesións de estudo e práctica persoal.
MATERIAIS DIDÁCTICOS:
- Un vídeo por lección, ben teórico ben práctico, sobre o contido de cada lección.
- Os apuntamentos de cada lección, relacionados con cadanseu vídeo e que nalgúns casos poderás descargar en pdf para o teu estudo persoal. Neles, terás explicados a teoría e os exercicios a practicar.
- Nalgunha das leccións prácticas, terás tamén audios para realizar os exercicios pola túa conta.
- Material de ampliación, en forma de ligazóns, recomendacións bibliográficas ou discográficas etc.
A maiores, terás un material complementario, xeral para todo o curso, no que vos propoñemos unha discografía recomendada de moitos e moitas artistas do século.XX e do século XXI, así como unha bibliografía fundamental sobre técnica vocal.
ÍNDICE E CONTIDOS
A continuación, tedes para a vosa comodidade o índice e contidos detallados de cada un das leccións, asociadas a cadanseu vídeo
BLOQUE 0. PRESENTACIÓN
- Vídeo 0. Presentación
BLOQUE 1. INTRODUCIÓN
- Lección 1. Como funciona a nosa voz?
- Lección 2. Algúns conceptos previos
- Lección 3. Organiza o teu corpo!
- Lección 4. As cinco tensións.
- Lección 5. Tesituras. Cal e é o meu tipo de voz?
BLOQUE 2. QUECEMENTOS E EXERCICIOS
- Lección 6. Estiramentos.
- Lección 7. Respirar ben, vivir ben.
- Lección 8. Vocalizacións (I). Bocexos e suspiros.
- Lección 9. Vocalizacións (II). Entoación das vogais.
- Lección 10. Vocalizacións (III). Rango grave.
- Lección 11. Vocalizacións (IV). Vibrando e resoando.
Lección 1. Como funciona a nosa voz?.
Aquí saberás sucintamente os fundamentos da anatomía corporal implicada na produción da voz, que corresponde a tres aparatos. A saber:
- Aparato fonador: a larinxe, composta polo óso hioide, a cartilaxe tiroide e a cartilaxe cricoide, xunto coas cordas vocais.
- Aparato respiratorio: pulmóns, bronquios, traquea, diafragma e musculatura abdominal. O mecanismo e acto pasivo/activo para respirar.
- Aparato resoador: cavidade oral, padal duro e brando, cavidade nasal e resoadores faciais.
Lección 2. Algúns conceptos previos.
Neste curso falaremos de moitas cousas, e algunhas delas son conceptos sistematizados ao longo da historia da pedagoxía vocal que utilizaremos frecuentemente, polo que convén coñecelos de antemán. Algúns destes conceptos fan referencia ao espectro de sons que cada voz humana é capaz de realizar.
Deste xeito, neste vídeo explicamos a que nos referimos cando falamos de rango (ou extensión) vocal, tesitura, rexistro, ámbito e voz mixta ou modal. Tomade ben nota de todos, pois usarémolos noutros vídeos para explicar outras cousas tamén fundamentais para educar a nosa voz.
Lección 3. Organiza o teu corpo!
Coñeceremos a importancia de tomar consciencia das diferentes partes do corpo e de usalas nunha posición organizada no canto, desde os pés ata cabeza, dun xeito equilibrado e alerta, incluíndo tamén os xeonllos, a cadeira, as costas e columna vertebral, o pescozo, o queixo ou barbadela, a cabeza e a ollada.
Lección 4. As cinco tensións
O canto debes ser un acto relaxado, exento de tensións. Porén, é moi común que se incorporen tensións indesexables que aínda que non o pareza, non favorecen senón que complican o canto, comprimindo as posibilidades da nosa voz e limitando o goce de cantar.
Aínda que hai moitas máis, neste vídeo agrupamos e damos a coñecer as 5 tensións máis comúns, localizadas na gorxa ou larinxe; no pescozo e ombreiros, na mandíbula, no músculo digástrico (na barbadela ou queixo) e no abdome. Neste vídeo aprenderás a recoñecelas e a traballalas para que vaian desaparecendo coa práctica.
Lección 5. Tesituras
Neste vídeo aprenderás o concepto e importancia das tesituras e poderás coñecer a cal delas pertence o teu tipo de voz, mediante uns sinxelos exercicios. Aínda que a tesitura de cada un ou unha de nós é específica para cadansúa voz, podemos establecer para os estilos modernos 6 grandes grupos de tipos de voz máis comúns: baixo, barítono, tenor, alto, mezzo-soprano e soprano. Se xa formaches parte dun coro, probablemente esteas bastante familiarizado con estes nomes. Se non o fixeches, quizais te preguntases que “tipo” de voz se axusta a ti.
Lección 7. Respirar ben, vivir ben.
O carburante da voz, sexa esta cantada ou falada, é a respiración; e a base desta é o alento. Dominar a respiración dá control sobre o canto, pero non só: tamén axuda a xestionar as emocións e os estados de ánimo.
Neste vídeo faremos un repaso breve polos diferentes tipos básicos de respiración (respiración torácica e respiración abdominal), indicando que usos teñen e porque debemos ter control sobre a respiración abdominal para o canto. Propoñemos exercicios para que poidas sentir ambas respiracións, que poidas logo incorporar nas túas rutinas de práctica vocal, e máis na túa vida en xeral.
Lección 8. Quecementos. Vocalizacións (I). Bocexos e suspiros.
Nunha sesión de práctica vocal, sexa esta por estudo persoal ou para un ensaio, gravación, concerto etc., debemos sempre facer un quecemento vocal previo á práctica do repertorio, para asegurar unha práctica do canto saudable. Este é o primeiro vídeo doutros que iremos gravando con exercicios musicais para quentar a voz. Neste primeiro propoñémoste usar o bocexo e o suspiro para (literalmente) espertar e espreguizar a voz e a gorxa, e comezar a tomar consciencia do veo do padal brando, unha parte do corpo que é fundamental é moi útil se queremos ter control sobre a nosa voz. Ademais, comezamos a vocalizar usando a vogal “U”, en intervalos de quinta ascendente. Comezamos, xa que logo, a sonorizar e a cantaaaar!
Lección 9. Quecementos. Vocalizacións (II). Entoación das vogais.
A partir deste vídeo iremos incorporando ao noso quecemento algúns exercicios, agora xa con afinacións determinadas (notas musicais). Comezaremos propoñéndovos unha dinámica sinxela para articular ben as vogais
Lección 10. Quecementos. Vocalizacións (III). Rango grave.
Continuamos nesta leccións cun simple exercicio que combina dous obxectivos: espertar a lingua e quecer as frecuencias graves do noso rango vocal. Todo a ritmo de bossa!
Lección 11. Quecementos. Vocalizacións (IV). Vibrando e resoando.
Agora introducimos as consonantes nos nosos exercicios. Grazas iso, mobilizamos o aparato fonador mediante o poder vibratorio da consoante /m/, mobilizamos a lingua, grazas á vibración múltiple do /r/ ( “tongue trills”) e finalmente espreguizamos os beizos, rinchando como os cabalos, usando “lip rolls”. Si, neste curso somos moi amigos dos sons frikis!
CONSELLOS PARA SEGUIR O CURSO
ESPAZO: recomendamos que poidas seguir as sesións nun sitio tranquilo e sen ruídos, onde poidas sentirte cómodo/a vendo os vídeoscantando a certo volume (e facendo ruídos “estraños” coa voz, haha!).
TEMPO: os vídeos non son excesivamente longos (10-15min) pero aconsellámoste que reserves 30-40 min do teu tempo para o visionado de cada un, aproveitando que non sendo en directo, podes parar e revisionar todas as partes que precises para afianzar os contidos. Ao visionado debes sumarlle o teu tempo de práctica autónoma para ir integrando os exercicios coa túa práctica individual.
TEMPORALIZACIÓN: o curso completo estimamos que pode durar entre un mes ou dous, dependendo da túa dispoñibilidade e dedicación. En calquera caso, le o seguinte apartado de “estudo” para máis detalles.
ESTUDO:nas leccións atoparás coñecementos e técnicas que requiren práctica continuada para un dominio a medio-longo prazo (3-6 meses). En calquera caso, ten en conta que os vídeos e apuntamentos deste nivel de iniciación son os puntos de partida que tratan de fixar unhas prácticas vocais saudables da voz cantada. Unhas prácticas que deben quedar incorporadas ao voso traballo vocal rutineiro como cantantes para sempre de agora en diante. Como orientación, aconsellamos que vexas un vídeo ou dous por semana (o vídeo de presentación non conta?) e que te permitas profundar buscando máis información pola túa conta. O ideal é ter 2-3 sesións de ensaio semanal, a maiores do visionado dos vídeos, en días diferentes non consecutivos (xa sabedes que o coñecemento se interioriza cando non se está estudando, senón descansando). Nesas sesión de estudo autónomo terá que ir integrando os coñecementos teóricos e os exercicios que progresivamente te vamos propoñendo. Recorda, incorporar os exercicios progresivamente é importante. Dálle varias sesións de práctica a cad un antes de ir incorporando máis. No final do curso, terás unha rutina organizada e pautada dun bo quecemento que sexa o previo á práctica das vosas cancións favoritas, onde debedes ir incorporando desde a primeira lección todo o que ides aprendendo no curso. Sede constantes nisto. Moitos cantantes cando comezan coa técnica vocal se frustran porque non incorporan o que aprenden nos exercicios ao seu xeito de cantar. A voz tamén ten que ser acompañada para que mude os seus hábitos. Ese acompañamento é traballo, constancia e escoitarse moito. Tamén te axudará escoitar moita música de diferentes estilos (bótalle unha ollada ao noso material complementario, onde incluímos discografías de moitos e moitas artistas).
Especialmente queremos facer fincapé neste nivel na interiorización da respiración abdominal para aquelas persoas que tenden a respiración de peito. Isto adoita levar ao redor dun ou dous meses de práctica continuada, para conseguir que se volte algo “natural”, sen que teñas que pensalo.
Un último consello: unha boa ferramenta para mellorar no canto é poder gravarse a un mesmo.
REVISIÓN: ao rematar o curso, non deixes de escribir de novo ao titor coa túa revisión persoal e a valoración xeral do curso. Grazas!
*Nota: neste nivel non aprendemos repertorio ou cancións concretas, que queda reservado para seguintes niveis. O obxectivo é que poidas crear unha rutina previa ao canto (posición, respiración e quecemento) para afrontar saudablemente a práctica e o xesto vocal. Non obstante, síntete libre de cantara unha canción do teu gusto despois das sesións de estudo dos vídeos. É máis, procura gravarte (vídeo ou só audio; co móbil, ordenador etc.) practicando para poder comparar as sensacións que tiñas cando iniciaches o curso coas que poidas ter ao finalizalo.
QUE VOU APRENDER QUE NON SABÍA?
- Anatomía vocal
- Coñecer cal é o teu rexistro e tesitura vocal
- Respirar adecuadamente, tanto para cantar como para falar.
- Preparar e quentar a túa voz para o canto
- Ter unha rutina saudable para a práctica vocal
PÚBLICO IDEAL
- Nivel: cantantes sen experiencia previa ou aqueles afeccionados con ganas de mellorar a súa técnica ou simplemente saber “como fan o que fan”.
- Target de idade: desde xente moza que xa lle mudou a voz (13-14 anos) ata a xente moza por riba dos 80 anos.
MATERIAL NECESARIO
- Ordenador e un espazo cómodo para cantar sen vergoña (berros e gruñidos incluídos!)
- Acceso a internet
- Ganas de cantar!
Precisas máis axuda?
Lembra que podes contactar co docente do curso vía:
xabier.mera@centroxove.com
Resolverá calquera dúbida que teñas sobre a formación e estará encantado de axudarte.
Tamén podes contactar co equipo do Centro Xove.
Lecciones
Iniciación á Técnica Vocal: Presentación
Iniciación á Técnica Vocal: Material Complementario
En esta sección atoparás todo o Material Complementario que precises para levar a cabo o Curso de Iniciación á Técnica Vocal.
Iniciación á Técnica Vocal: 1- Como funciona a nosa voz?
Aquí saberás sucintamente os fundamentos da anatomía corporal implicada na produción da voz. Correspóndese con tres aparatos. A saber: Aparato fonador: a larinxe, composta como vedes na foto polo óso hioides, a cartilaxe tiroides e a cartilaxe cricoides, xunto coas cordas vocais, as cales están situadas horizontalmente (a vista da súa foto é cenital) dentro […]
Iniciación á Técnica Vocal: 2- Algúns conceptos previos
LECCIÓN 2. Algúns conceptos previos: rango, tesitura, ámbito, rexistro e voz modal ou mixta Ola de novo, cantantes! Neste curso falaremos de moitas cousas, e algunhas delas son conceptos sistematizados ao longo da historia da pedagoxía vocal que utilizaremos frecuentemente, polo que convén coñecelos de antemán. Algúns destes conceptos fan referencia ao espectro de sons […]
Iniciación á Técnica Vocal: 3 – Organiza o teu corpo!
Neste vídeo coñeceremos a importancia de tomar consciencia das diferentes partes do corpo e de usar un posición organizada no canto. Iremos dos pés ata cabeza, dun xeito equilibrado e alerta, incluíndo tamén os xeonllos, a cadeira, as costas e columna vertebral, o pescozo, o queixo ou barbadela, a cabeza e a ollada. Precisas axuda? […]
Iniciación á Técnica Vocal: 4 – As cinco tensións
O canto debe ser un acto relaxado, exento de tensións. Porén, é moi común que se incorporen tensións indesexables que aínda que non o pareza, non favorecen senón que complican o canto, comprimindo as posibilidades da nosa voz e limitando o goce de cantar. Aínda que hai moitas máis, neste vídeo agrupamos e damos a […]
Iniciación á Técnica Vocal: 5- Tesituras. Cal é o teu tipo de voz?
LECCIÓN 5. TESITURAS Cal é o teu tipo de voz? Nesta lección aprenderás o concepto e importancia das tesituras, e poderás coñecer a cal delas pertence o teu tipo de voz, mediante uns sinxelos exercicios. INTRODUCIÓN Aínda que a tesitura de cada un ou unha de nós é específica para cada voz, podemos establecer para […]
Iniciación á Técnica Vocal: 6- Estiramentos
LECCIÓN 6. ESTIRAMENTOS INTRODUCIÓN Nunha sesión de práctica vocal, sexa esta por estudo persoal ou para un ensaio, gravación, concerto etc., debemos sempre facer un quecemento vocal previo á práctica do repertorio, para asegurar unha práctica do canto saudable, seguindo o seguinte esquema pautado: ESQUEMA DUN QUECEMENTO VOCAL Organización do esquema corporal Estiramentos Exercicios de […]
Iniciación á Técnica Vocal: 7 – Respirar ben, vivir ben
LECCIÓN 7. Respirar ben, vivir ben O carburante da voz, sexa esta cantada ou falada, é a respiración; e a base desta é o alento. Dominar a respiración dá control sobre o canto, pero non só: tamén axuda a xestionar as emocións e os estados de ánimo. Neste vídeo faremos un repaso breve polos diferentes […]
Iniciación á Técnica Vocal: 8- VOCALIZACIÓNS (I) Bocexos e suspiros
LECCIÓN 8. VOCALIZACIÓNS (I) Bocexos e suspiros Nunha sesión de práctica vocal, sexa esta por estudo persoal ou para un ensaio, gravación, concerto etc., debemos sempre facer un quecemento vocal previo á práctica do repertorio, para asegurar unha práctica do canto saudable, seguindo o seguinte esquema pautado: ESQUEMA DUN QUECEMENTO VOCAL Organización do esquema corporal […]
INICIACIÓN Á TÉCNICA VOCAL: 9- Vocalizacións (II): “Entoación das vogais”
VÍDEO 9. Vocalizacións (II): “Entoación das vogais” INTRODUCIÓN A partir deste vídeo iremos incorporando ao noso quecemento algúns exercicios, agora xa con afinacións determinadas (notas musicais). Comezaremos propoñéndovos unha dinámica sinxela para articular ben as vogais Nunha sesión de práctica vocal, sexa esta por estudo persoal ou para un ensaio, gravación, concerto etc., debemos […]
Iniciación á Técnica Vocal:10- Vocalizacións (III). Rango grave.
Lección 10. Vocalizacións (III) Quecemento do rango grave INTRODUCIÓN Para quentar non só a parte aguda da nosa tesitura, imos practicar tamén quentando a nosa voz no rango máis grave. Para iso, propoñemos dous exercicios. Recorda que non tes que facer todos os exercicios que te propoñemos en todas os quecementos. Son para que teñas […]
Iniciación á Técnica Vocal:11- Vocalizacións (IV). Vibrando e resoando.
Lección 11. Vocalizacións (IV). Vibrando e resoando INTRODUCIÓN Nunha sesión de práctica vocal, sexa esta por estudo ou para un ensaio, gravación, concerto etc., debemos sempre facer un quecemento vocal previo á práctica do repertorio, para asegurar unha práctica do canto saudable, co seguinte esquema pautado: ESQUEMA DUN QUECEMENTO VOCAL Organizar o esquema corporal Estiramentos […]
Iniciación á Técnica Vocal: 12- Escalas maiores
INTRODUCIÓN Nunha sesión de práctica vocal, sexa esta por estudo ou para un ensaio, gravación, concerto etc., debemos sempre facer un quecemento vocal previo á práctica do repertorio, para asegurar unha práctica do canto saudable, co seguinte esquema pautado: ESQUEMA DUN QUECEMENTO VOCAL Organizar o esquema corporal Estiramentos Exercicios de respiración. Exercicios de vocalización. […]
Iniciación á Técnica Vocal: 13- Escalas menores
INTRODUCIÓN Nunha sesión de práctica vocal, sexa esta por estudo ou para un ensaio, gravación, concerto etc., debemos sempre facer un quecemento vocal previo á práctica do repertorio, para asegurar unha práctica do canto saudable, co seguinte esquema pautado: ESQUEMA DUN QUECEMENTO VOCAL Organizar o esquema corporal Estiramentos Exercicios de respiración. Exercicios de vocalización. […]
Iniciación á Técnica Vocal:14- Rutina completa de quecemento
INTRODUCIÓN Nunha sesión de práctica vocal, sexa esta por estudo ou para un ensaio, gravación, concerto etc., debemos sempre facer un quecemento vocal previo á práctica do repertorio, para asegurar unha práctica do canto saudable, co seguinte esquema pautado: ESQUEMA DUN QUECEMENTO VOCAL Organizar o esquema corporal Estiramentos Exercicios de respiración. Exercicios de vocalización. […]
iniciación á Técnica Vocal: LECCIÓN EXTRA 1. VOCAL FRY
VOCAL FRY DEFINICIÓN Primeiro de todo, aquí tedes un audio meu de exemplo para que escoitedes como sona o vocal fry (atención á frikada arrepiante!): O vocal fry é un dos rexistros da voz humana, xunto co rexistro da voz de peito, o rexistro de cabeza e a voz de asubío, sendo o vocal […]
Iniciación á Técnica Vocal: Lección extra 2 – O veo do padal
O VEO DO PADAL DEFINICIÓN O veo do padal consiste nun tecido brando, situado na parte posterior e superior da cavidade oral. Ter nunha dobrez visible denominada úvula o, comunmente, campaíña (tamén pinguel, pinguelo ou pingallón). No seu interior hai un armazón fibroso, rodeada de músculos que elevan ou deprimen ese veo. Está rodeado dunha […]