
Este Laboratorio Coral, de carácter eminentemente práctico, baséase na práctica coral do canto.
Cun repertorio moderno (pop, soul, gospel, jazz, swing, blues, etc), practicarás cancións deses estilos, coa túa parte específica como soprano, alto, tenor ou baixo, dentro dun arranxo con varias voces, na comodidade da túa casa.
Poderás gravar a túa parte para logo enviala ao titor e recibir a túa avaliación!
O obxectivo en cada módulo é conseguir mesturar e producir unha canción de xeito colectivo coas persoas inscritas, a pesares de non ter de momento ensaios presenciais. Deste xeito, a nosa proposta é que prepares a túa parte da canción cos materiais didácticos que ofrecemos, e poidas enviarnos un audio coa túa gravación. Na medida do posible e dos recursos dispoñibles, trataremos de obter unha edición conxunta de todas as gravacións.
O Laboratorio Coral está asociado ao proxecto do Coro Almasingers, residente no Centro Xove. A túa inclusión nesta actividade garante unha praza no coro. Temos ben claro o obxectivo no coro de retomar a presencialidade en canto o contexto o permita, e con ela os nosos ensaios dobres semanais e os concertos públicos que damos ao longo do curso (e outras xuntanzas ociosas varias), así que se sempre quixeches cantar en grupo, aproveita esta oportunidade porque cando nos vexamos de volta, isto vai sonar de fábula!
Máis detalles sobre o curso Laboratorio Coral
IMPORTANTE: para inscribirte debes contactar no correo info@centroxove.com
O Laboratorio Coral está ao cargo de Xabier Mera, músico e compositor, cantante, director de coros e pedagogo musical.
A aceptación da túa solicitude ten como requirimento unha pequena entrevista previa con el para coñecer o teu rango e tesitura vocal, nivel e experiencia musical.
Tamén podes falar con xabier.mera@centroxove.com para resolver calquera dúbida con respecto ao curso.
É preciso que teña experiencia musical ou coñecementos de solfexo?
Non.
Aínda que ter experiencia musical ou coñecementos de solfexo axudará, xa que usaremos sempre partitura xunto con audios para aprender as cancións, o obradoiro está aberto a todas as persoas que simplemente xa saben respirar soas e teñen un mínimo de oído musical, e queiran aprender cousas básicas de teoría musical. En serio, se respiras e entoas, proba!
Canto dura o Laboratorio?
O laboratorio está organizado por módulos. Cada módulo corresponde á preparación dunha canción.
A idea é poder preparar dúas cancións ou tres por trimestre, dependendo da demanda e sobre todo da túa dedicación. O curso está planificado para que poida ser seguido de xeito autónomo por calquera persoa, de outubro a xuño, sendo o primeiro trimestre de outubro a decembro; o segundo de xaneiro a marzo, e o terceiro de abril a xuño.
Como organizar o estudo?
ESPAZO:
Recomendamos que poidas ter as túas sesións de práctica e estudo vocal nun sitio tranquilo e sen ruídos, onde poidas sentirte cómodo/a cantando a certo volume (e facendo ruídos “estraños” coa voz, haha!). Para facer as gravacións, le os consellos no apartado “outras necesidades técnicas”.
TEMPO:
Aconsellámoste que fagas dúas ou tres prácticas de 40-60min do teu tempo, dúas veces por semana, en días non consecutivos. Recorda que para calquera proceso de ensino-aprendizaxe, é sempre preferible practicar varios días diferentes un pouco que non pegarse unha “enchedela”” un só día.
Non sobrepases nunca os 60min de práctica vocal; a voz ten que descansar e non aprenderá se está cansa e dorida. Recorda traballar sempre desde a comodidade vocal.
ESTUDO:
A práctica vocal, como calquera instrumento musical, require de práctica continuada para ir medrando en competencia e confianza. Dedica os primeiros 15min de cada sesión a quentar a voz, consultando para iso algúns dos vídeos do noso Curso de Iniciación a Técnica Vocal, ou buscando vídeos na Youtube coas palabras “rutinas de quecemento de voz”, “ejercicios de calentamiento para la voz” (en castelán) ou “warming-up exercises”, se non tes problema con inglés (ou simplemente queres melloralo).
Recorda que moito do repertorio do Laboratorio Coral, e por extensión do coro Almasingers, está en inglés. Con respecto aos vídeos de axuda, revisiona e para en todas aquelas partes do vídeo que precises para entender, practicar e afianzar os contidos. A duración das sesións de estudo ou de gravación non deberían durar máis de 60min de canto efectivo, para non forzar a voz, e canta sempre de pé, na medida que sexa posible. Se te decides a participar no laboratorio, terás tamén un documento cun método para practicar canto coral na casa.
REVISIÓN:
Ó rematar o curso, non deixes de escribir de novo ao titor coa túa revisión persoal e a valoración xeral do curso. Grazas e a cantar!
Debería facer algún outro curso antes do Centro Xove?
Non, aínda que o Laboratorio Coral e o Curso de Iniciación a Técnica vocal son complementarios ao 100%.
O curso de Técnica Vocal dá unha sólida base dos fundamentos do canto, sendo unha excelente maneira de comprender a túa voz ou afianzar os teus coñecementos e experiencia previos, especialmente no nivel iniciación. O teu titor seguramente ha de recomendarche que polo menos vexas algúns vídeos específicos dese curso, segundo o teu nivel e experiencia.
Que materiais didácticos ten o Laboratorio?
O Laboratorio Coral é unha práctica musical que usa a aprendizaxe a distancia ou “e-learning” como metodoloxía de ensino.
Deste xeito, terás a túa disposición en liña na nosa web os seguintes materiais:
– Partitura das cancións:
(Si, non teñas medo e aproveita para aprender as bases moooi sinxelas do solfexo para que a partitura sexa a túa amiga-guía no canto). Trata de imprimilas para tomar notas con lapis, ou telas dispoñibles no teu dispositivo con a algunha app que che deixe facer anotacións nelas.
– Audio mp3 de referencia:
Onde poderás escoitar como sona o arranxo vocal das cancións, tal e como aparece na partitura
– Audio mp3 só coa túa parte do arranxo:
Sexas Soprano, Tenor , Contralto ou Baixo, a maioría das cancións estarán en formato precisamente SATB, e disporás dun audio para que estudes só a túa parte.
-Vídeos didácticos:
Tamén só coa túa parte do arranxo da canción. Hai un vídeo por cada corda (sopranos, tenores, altos e baixos).
– Documento en PDF de “Como practicar canto coral na casa”.
– Documento en PDF con “consellos técnicos de gravación”:
Para gravarte cantando en casa, onde falamos de como afrontar tecnicamente cun mínimo de calidade as gravacións da túa parte das cancións, desde onde gravar, como gravar e con que equipamento e software. Tranquilo, está dirixido a todos os petos e posibilidades económicas.
Obxectivos xerais do curso:
O Laboratorio Coral ten como obxectivo xeral ser unha porta de entrada para achegarte, desde a práctica vocal, ao coñecemento e desfrute da túa propia voz, ademais de servir como material de estudo ao Coro Almasingers. Para conseguir ese obxectivo xeral, propoñémoste os seguintes obxectivos específicos:
- Identificar a tesitura da nosa voz: soprano, contralto, tenor, baixo.
- Coñecer e afondar en diversos estilos históricos modernos (blues, pop, soul, gospel, swing etc.), por medio da preparación do repertorio proposto.
- Usar o corpo de xeito organizado para o canto, mediante rutinas de estudo e práctica vocal saudable.
- Aumentar a confianza e a autoestima persoal, grazas ao recoñecemento e aprecio da voz propia.
- Entrar no Coro Almasingers (opcional).
Cal é o público ideal desta formación?
- Nivel: esta formación está dirixida a cantantes sen experiencia previa ou aqueles afeccionados con experiencia que teñan ganas de mellorar o seu canto a través da práctica vocal
- Idade ideal: desde xente moza que xa lle mudou a voz (13-14 anos) ata a xente moza por riba dos 80 anos.
Que vou aprender neste curso que non sabía xa?
Neste Laboratorio Coral obterás os seguintes coñecementos:
- Saber cal é o teu rexistro de voz (soprano, contralto, tenor ou baixo)
- Coñecemento de repertorio de diversos estilos modernos
- Coñecementos básicos de anatomía vocal
- Preparar e quentar a túa voz para o canto.
Recorda que este laboratorio está ao cargo de Xabier Mera, músico e compositor, cantante, director de coros e pedagogo musical.
Podes contactar con el no correo xabier.mera@centroxove.com para resolver calquera dúbida con respecto ao curso. A aceptación da túa solicitude ten como requirimento unha pequena entrevista previa con el para coñecer o teu rango e tesitura vocal, nivel e experiencia musical.
Necesito algo máis en especial antes de comezar?
Si. Ganas de cantar! :))
Se tiveses algunha dúbida, lembra que podes contactar co equipo do Centro Xove antes de comezar o curso de laboratorio vocal. Graciñas!
Lecciones
Protegido: Titorial para estudar a partitura de Superstition (baixos)
No hay extracto porque es una entrada protegida.
Protegido: Titorial para estudar a partitura de Superstition (ALTOS)
No hay extracto porque es una entrada protegida.
Protegido: Titorial para estudar a partitura de Superstition (TENORES)
No hay extracto porque es una entrada protegida.
Protegido: Titorial para estudar a partitura de Superstition (SOPRANO)
No hay extracto porque es una entrada protegida.
Protegido: MATERIAIS COMPLEMENTARIOS LABORATORIO CORAL
No hay extracto porque es una entrada protegida.