Outros servizos

Neste apartado queremos presentar outros servizos que ofrecemos, e que complementan o que facemos no espazo. Podes consultar a oferta polo miúdo cada un dos servizos do Centro Xove no menú superior.

Así, dentro das nosas instalacións, tes un equipo á túa disposición, ademais de moitos recursos municipais para a mocidade. Estes servizos, ao abeiro das normas do espazo, son para uso exclusivo das persoas usuarias do centro. En concreto, contas cos seguintes, polos que podes preguntarnos virtualmente, ou tamén de forma presencial no espazo.

Ludoteca

Dentro do centro contamos cunha ludoteca espectacular, con xogos de mesa e rol.

Podes solicitar o seu uso no espazo, levalos emprestados un tempo ou participar de xornadas e eventos que organizaremos para facer comunidade e gozar xogando. Se tiveses dúbidas sobre que xogo escoller, o noso equipo está preparado para asesorarte.

Punto de intercambio de libros

Gústannos os libros libres, pero queremos ter unha selección dos que estean en boas condicións e sexan importantes para ti.

Por iso, se contas cun libro que pague a pena, podes deixalo coa súa carta de presentación, e levar outro se queres.

Zonas para anuncios

Sabemos que as bandas cambian, ou que é posible que procuredes persoas que compartan algún interese común. Por iso, dispoñedes dun taboleiro para anunciar todo o que teña que ver cos grupos, os vosos intereses para formar grupos para actividades, promover iniciativas propias ou mesmo vender esa guitarra que xa non precisades.

Iso sí, queda reservado ás persoas usuarias do espazo! Segundo as normas, os eventos, formacións e outros con ánimo de lucro só poderán promoverse na zona exterior do espazo habilitada para tal efecto.

Punto de intercambio de música

Sentimos esa ilusión de atopar unha banda que paga a pena, o pracer de escoitar un bo vinilo, ou compartir co resto da xente a vosa nova maqueta.

Por iso, existe unha zona na que calquer persoa usuaria do centro pode compartir música: deixas un disco, vinilo ou USB con música, e levas outra cousa se queres. Porque iso tamén é cultura libre!

Zona de exposicións

A recepción do Centro Xove é un lugar polo que pasa moita xente. Se queres expoñer as túas pezas e creacións (fotografía, pintura, escultura, etc.), contamos coa capacidade de organizalo.

Poderás dispoñelas co acordo do persoal do espazo, seguindo as normas, e durante un prazo de entre 7 e 31 días naturais.

Servizos de dinamización en liña

No blog do Centro Xove de Creación Cultural lanzamos con frecuencia novas, propostas de plans, opcións culturais en Santiago de Compostela, e mesmo ideas para gozares do teu ocio. Podes revisalo de cando en vez, prometemos que pagará a pena!

É a canle de comunicación oficial do espazo, ademais dos correos electrónicos que enviamos ás persoas que están na nosa base de datos (podes inscribirte nela contactando con nós).

Préstamo de material para bandas

Os grupos residentes nos locais poden solicitar o préstamo puntual de equipo dispoñible para utilizar durante os seus ensaios (guitarras, baixo e moito máis!). Consulta ao persoal do Centro Xove para máis información.

Muro de propostas para o espazo

Temos moitas ideas, pero sabemos que ti tamén. Por iso, dispoñemos dun pequeno muro no que poderás deixarnos os teus desexos e inquedanzas para o Centro Xove. Dende propostas de mellora ata suxestións, pasando polo que queiras contarnos. Conforme fagamos esas propostas realidade ou produzan un cambio no espazo, informaremos diso no espazo. Para que deixes a túa pegada no centro.

Asesoramento en recursos municipais para a mocidade

Ademais do Centro Xove de Creación Cultural, a Concellaría de Mocidade e o propio Concello de Santiago de Compostela ofertan programas dos que poden beneficiarse as persoas usuarias do noso espazo.

Por iso, facemos un esforzo por recabar e informar desas oportunidades, promocionando a oferta cultural e de servizos públicos orientados á xuventude

Axuda para lanzar actividades e eventos no espazo

Se cadra, queres propoñer unha actividade ou evento, que queres organizar no Centro Xove. Escoitamos a túa proposta e, se queres, contas coa nosa axuda para facilitar a súa dinamización, promoción e desenvolvemento. Podes saber máis na sección de Participa!

Non é obrigatorio que te apoies no noso equipo, pero estamos a túa disposición se nos necesitas. O único que deberás considerar é cumprir as normas de uso e reservar con antelación o espazo que precises!

Atención individual e escoita activa

Persoas diferentes, situacións diferentes. Atendemos á diversidade, en proximidade e confianza. Se queres comentarnos algo, existe un conflito ou problema, podes avisarnos e falamos individualmente. Estamos aquí para axudar en todo o posible.

O Centro Xove de Creación Cultural: un servizo no que a cabeza non para!

Ademais de facilitar os ditos servizos, o equipo do Centro Xove de Creación Cultural está absolutamente comprometido coas persoas usuarias do espazo. Por iso, non paramos de engadir novas propostas ao noso catálogo. Informaremos no blog, pero tamén podes estar pendente da nosa axenda e programación para participar, ou coñecer os nosos cursos en liña.

Pensa que existen servizos que non nomeamos aquí. Por exemplo: podemos axustar horarios, colaborar en eventos, analizar problemas e situacións particulares, e facer todo o necesario para ofertar un servizo municipal da máxima calidade e flexibilidade á mocidade de Compostela.

Vaia, que estamos para axudar. Só tes que premer o botón de abaixo e contactar con nós.

1
Precisas algo?
Falar con webs non mola.
Queres falar cunha persoa?