Información esencial do Festival Lanzadeira CX
- Ubicación do evento: Praza do 8 de Marzo
- Data e horarios: sábado 16 de setembro de 18:00 a 22:00
- Entradas: gratuito e aberto
- Presentación en rolda de prensa: Web do Concello de Santiago
Información actualizada o 14/9/2023. Informaremos por esta mesma vía de calquer cambio!
Máis detalles sobre o proxecto:
O II Festival Lanzadeira CX pretende dar visibilidade ó fantástico traballo que realizan as bandas residentes no Centro Xove de Creación Cultural, onde se ubican os locais municipais de ensaio do Concello de Santiago de Compostela.
É unha iniciativa promovida pola Concellaría de Mocidade, na que 7 grupos de música do Centro Xove realizan unha formación específica para:
- Profesionalizar o seu traballo como banda
- Preparar un concerto en directo
- Presentar o seu repertorio ó público no Festival Lanzadeira CX
O obxectivo desta iniciativa, cunha duración de 4 meses, é impulsar a profesionalización, repertorio e experiencias ao vivo dos grupos do Centro Xove de Creación Cultural. Agradecemos a vosa difusión e presencia no concerto, xa que é a mellor maneira de respaldar o traballo das bandas mozas de Compostela e desfrutar ó máximo do concerto!
Artistas que actúan no festival:
Nesta segunda edición os grupos que actúan son:
Abella
Abella é Pedro para os amigos.
Comezou a tocar e compoñer fai 3 aniños, e faille moita ilusión poder compartir todas as ideas que ten na cabeza en forma de música. Vémonos nos concertos!
Boa Sunet
Banda orixinada en Santiago de Compostela, formada por Pablo Rodríguez (guitarra), Alejandro Neira (teclado e
voz), Brais Quintá (baixo e voz) e Mercè Palacios (saxo).
Tras anos tocando con diferentes formacións de rock e indie, emprenden este novo proxecto musical, ubicado entre o neo-pop, a electrónica e o R&B. Traballan melodías que bailan entre o íntimo e o pop, ritmos que van do disco ó hip-hop e ritmos latinos, arranxos que combinan R&B e música urbana contemporánea, cun son fresco e interesante.
Filloas
Son Filloas, un artista de pop urbano en galego que che ven a traer unha música coa que non pararás de bailar e moverte.
O meu estilo se basea na autenticidade das miñas letras, que se misturan con ritmos clásicos como o punk con outros máis modernos como o hyperpop ou o trap.
A miña música é un reflexo da miña vida e das miñas experiencias abordando os meus sentimentos máis profundos, pero buscando sacarche un sorriso (son basicamente un meme) e intentando transmitir unha mensaxe positiva.
Así que, se estás buscando música actual, auténtica e divertida en galego, non dubides en pasarte por un concerto meu, polo menos che aseguro que farás un bo colega!
Ulex
ULEX fórmase en Compostela en Setembro do 2022 e surxe do amor pola música e as ganas de tocar de tres adolescentes picheleiros e unha de bertamiráns.
Con influencias como Manu Chao, Novedades Carminha, O Sonoro Maxín ou Ataque Escampe, o seu rock alternativo fala de amor, de desamor, de amizade ou do tempo, e forma unha banda sonora perfecta para a vida de calquera adolescente galego. O grupo está formado por: Xián Castro (voz principal e guitarra rítmica), Fran López (guitarra solista, teclado e coros), Mónica Fuentes (baixo) e Martinho Quintela (batería e coros); e colle o seu nome dun dos símbolos nacionais da Galiza: o toxo.
Fixeron o seu debut na vixésima edición das Festas do Barrio de San Pedro, en xuño do 2023, e xa están comezando a namorar ao público coas súas melodías e riffs pegadizos, a súa enerxía e o seu corazón atolondrado.
Liskadakí
Liskadakí é o berro de Belén, Alicia, Yas, Lidia y Paula, reunidas para facer todo o barullo posible!
Con influencias do rock e do punk, esta banda ofrece letras personais e harmonías vocais. Engaden ás teclas ó conxunto clásico de baixo, guitarra e batería.
Liskadakí trae forza e ritmo para facer saltar a calquera!
Killo Karallo
Killo Karallo é unha banda compostelana de mistura funk-rock con aires flamencos que se combinan nun estilo único.
Lírica, punteos melódicos e groove xúntanse no seu primeiro EP, publicado este ano, que veñen amosar ao festival Lanzadeira celebrando un ano dende a súa formación.
Descarga o cartaz e máis info:
O cartaz do Festival Lanzadeira Centro Xove e toda a información pode descargarse aquí.
Se precisas máis información, podes contactar co Centro Xove, enviarnos un WhatsApp/Telegram ó 722 720 992 ou chamarnos. Vémonos o día 16!