Libraría 📚

Sabes en que consiste o servizo de libraría do Centro Xove?

A libraría de favoritos é un espazo dinámico, no que levaremos a cabo diferentes actividades vencelladas á cultura: préstamo de libros, animación á lectura, narración oral, puntos de encontro lectores, libros teatralizados… e moito máis! A que sona ben?

Que é a libraría de favoritos do Centro Xove?

Un dos obxectivos do Centro Xove de Creación Cultural é a creación dun punto de intercambio de libros, pero con moito, moito valor engadido. Un espazo físico, cheo de vida, a través de persoas e actividades complementarias que o enriquecen.

Por iso, queremos ir máis aló dun punto de préstamo ou intercambio de lecturas: a nosa idea é crear un banco de libros propio, e tamén poder aceptar libros que marcaran a vida de quen os leu e pase polas nosas instalacións.

Deste xeito, os nosos libros teñen unha historia que paga a pena coñecer. Un motivo de seren na nosa libraría do Centro Xove, e que os levaron a converterse nos nosos favoritos.

Como podo participar?

Calquer persoa usuaria do centro pode participar na libraría do Centro Xove. Para facelo, contas coas seguintes vías:

  • Podes vir, coller un libro e deixar outro, levar un libro prestado ata que remates de ler, ou simplemente deixar un teu e non levar nada.
  • Tamén podes achegarte e explorar as historias detrás dos nosos libros. Dende o espazo iremos engadindo obras cada mes!
  • A libraría de favoritos do Centro Xove baséase no criterio de confianza nas persoas que a usan. Por iso, non é preciso darse de alta, rexistrarse, nin nada que se lle pareza.

Cada libro conta cun código QR, que levará á historia desa obra e por que é un favorito do noso espazo. Atoparás un pequeno vídeo, unha nota de voz, ou se cadra un pequeno escrito, no que se recolla por que ese libro marcou a vida de alguén. Cando deixes o teu, veremos de como rexistrar a túa nota!

O único que faremos dende o espazo é verificar a calidade e coidado das obras, así como que sexan axeitados para os principios recollidos nas normas de uso do Centro Xove de Creación Cultural. Non queremos que se convirta nun punto limpo de obras, se non que floreza como un espazo marabilloso, no que poidas descubrir libros tan especiais coma as historias que os levaron ata ti.

Queres participar? Visita o Centro Xove de Creación Cultural, ou consulta ó noso equipo.

1
Precisas algo?
Falar con webs non mola.
Queres falar cunha persoa?