Chega ó Centro Xove o Filme Documental Bravú XXX o vindeiro 19 de novembro ás 19:00, con entrada de balde ata completar aforo.
Trátase dun filme documental de Nós Televisión con Xurxo Souto para conmemorar o trinta aniversario deste movemento.
Presentación do Filme Documental Bravú XXX o vindeiro 19 de novembro ás 19:00 no Centro Xove
BRAVÚ XXX é un filme documental no que Xurxo Souto invoca o cosmos bravú trinta anos despois do nacemento deste movemento. O que foi líder dos Diplomáticos de Monte Alto emprende unha viaxe que nos achega ao Bravú desde a súa dimensión de movemento, conectándoo e entendéndoo desde dentro da nosa historia musical. BRAVÚ XXX aborda o Bravú desde ese trazado dun camiño colectivo, espontáneo, honesto e aberto a todas e todos os espectadores.
Trátase dunha produción de Nós Televisión para celebrar este trinta aniversario do bravú que se cumpre este outono, realizada co apoio económico do Departamento de Mocidade do Concello de Santiago, do Concello de Chantada, do Concello de Pontevedra, da Deputación da Coruña, do Concello da Coruña e do Concello de Carballo. O filme está a ser proxectado e presentado por toda a xeografía galega e terá un pase especial de presentación, proxección do audiovisual e coloquio con Xurxo Souto e cunha persoa de Nós Television o día 19 de novembro ás 19:00 horas, no Centro Xove de Creación Cultural de Santiago, no barrio da Almáciga. A entrada é aberta e gratuita para todos os públicos até completar aforo.
Podes descargar a presentación Film Documental Bravú XXX. Esperámoste o vindeiro 19 de novembro no Centro Xove (ubicación). O trailer pode verse nesta ligazón.