Formas parte dunha banda que ensaia no Centro Xove de Creación Cultural? Nese caso, o Programa Facendo Barullo é para ti!
Esta é unha experiencia formativa exclusiva para a promoción nosas bandas, a través da gravación dun concerto en directo nunha sesión a porta pechada. Empregaremos un set creado para a ocasión, no que o grupo terá a oportunidade de presentar entre 3 e 4 temas orixinais. Ademais, realizaremos unha entrevista e todo será subido á rede en formato vídeo, contando con cinco episodios que serán gravados no primeiro semestre do 2023.
Cal é o obxectivo do Programa Facendo Barullo?
Búscase explorar as inquedanzas e percorrido das nosas bandas, mediante gravación en audio e vídeo de toda a sesión en directo, para posteriormente poder subilo á nosa canle de YouTube.
Grazas a isto, o grupo non só acadará maior difusión e experiencia, senón que terá á súa disposición ese resultado final para movelo no ámbito musical profesional.
Como podo inscribir á miña banda?
Pode concorrer calquer banda que actualmente ensaie no Centro Xove dende o 20 ata o 27 de febreiro ás 23:59, e sempre que cumpra os seguintes requisitos:
- Contar con 3 ou 4 temas orixinais propios (non versións, covers nin obras derivadas)
- Competencia suficiente para interpretar correctamente ditos temas en directo e gravalos
- Poder adicar o tempo e compromiso precisos para realizar as probas e gravar o programa
Lembra que toda a montaxe, gravación, edición e backline, ademais do persoal técnico, será do propio Centro Xove. A banda só terá que aportar os seus instrumentos e/ou materiais específicos que precisen.
A solicitude pode tramitarse a través do responsable da banda, dirixíndose ó equipo do Centro Xove por correo (info@centroxove.com), WhatsApp/Telegram (722720992) ou presencialmente no propio espazo.
Como se seleccionará ós grupos?
Nesta primeira ocasión (é dicir, só no primeiro programa da temporada), e de maneira excepcional e dado o carácter de proba que terá a experiencia para todas as partes implicadas, a primeira banda será elixida discrecionalmente segundo o criterio de todo o equipo do Centro Xove (é dicir, mediante votación equitativa de todo o equipo – coordinación, animación, responsable técnico e docente da área de coaching para bandas).
As bandas poderán presentar o que estimen oportuno para defender a súa candidatura. É dicir: dende un correo sinxelo solicitando a participación ata un pequeno dossier mostrando imaxes da banda, a súa traxectoria ata agora, temas dispoñibles para escoita, logotipo, letras, etc. O equipo do CX terá en conta dita información, ademais da súa traxectoria no espazo e criterios técnicos, para escoller a banda máis axeitada para esta primeira experiencia.
Despois desta primeira quenda a modo de proba, o sistema de selección pasará a ser a través dun baremo obxectivo e que as bandas poderán coñecer, asignándose a preferencia a aqueles grupos que acaden maiores puntuacións.
A banda seleccionada será anunciada o luns 27 de xaneiro. Que unha banda resulte gañadora implica a imposibilidade de volver a concorrer ata transcorrido un ano natural, malia que os grupos que resulten non seleccionados sí poderán volver a concorrer nas seguintes convocatorias.
Que se me pedirá se a miña banda resulta seleccionada?
A primeira banda seleccionada terá que cumprir cos seguintes compromisos antes do 6 de marzo:
- Acordar un ensaio de validación no que o equipo docente do centro comentará os aspectos de gravación coa banda
- Aportar un rider técnico en tempo e forma (se non dispoñen del, aceptan elaboralo co equipo do centro), ademais dunha carpeta con contidos relevantes (fotografías, logotipo, páxinas de interese tipo Spotify, redes sociais, etc.)
- Asinar un acordo de licencias, xa que logo o programa será producido en Creative Commons. O Centro Xove só se reservará o dereito á difusión dos materiais resultantes con fins promocionais e/ou formativos, conservando a banda o resto de dereitos.
Ademais, a banda deberá poder concorrer no día da gravación, o xoves 30 de marzo de 18:00 a 21:00. A proba de son será de 18 a 19 horas, e a gravación de 19 a 21 horas, puidendo extenderse só naqueles casos no que sexa imprescindible.
Cal será o resultado final do Programa Facendo Barullo?
O Programa Facendo Barullo constará de 5 episodios na súa primeira temporada, que serán subidos á nosa canle en YouTube en formato vídeo.
En concreto, produciremos:
- Un programa completo de aproximadamente 15 minutos cos temas + entrevista á banda.
- Vídeos independentes de cada tema, que serán tamén compartidos por separado.
- Todo será subido á nosa web e redes sociais, alén doutras canles de difusión municipais.
Por outra parte, a banda seleccionada obterá:
- Copia dixital do programa completo + vídeos independentes dos temas gravados por separado.
- Asesoría e acompañamento en toda a experiencia, con carácter formativo e lúdico.
- A oportunidade de participar nun proxecto orientado á súa profesionalización e promoción.
Así que xa sabes: se ensaias no Centro Xove, esperamos con ilusión a túa candidatura ó Programa Facendo Barullo! Se tiveses calquer dúbida, podes escribirnos aquí.