O próximo martes, 8 de outubro, será o lanzamento oficial do proxecto Re-parándonos! no Centro Xove da Almáciga.
Este programa innovador ten como obxectivo promover a economía circular a través de obradoiros dedicados á reparación de obxectos e a aprendizaxe colectiva. A proposta de Re-parándonos! busca ofrecer unha experiencia única onde as persoas asistentes poidan adquirir habilidades prácticas, ao tempo que reflexionan sobre a importancia da reutilización e a sustentabilidade.
Como será o lanzamento do Re-parándonos (feat. Areta Bolado e Mondra)
Se queres participar, é preciso inscribirse. Podes facelo de balde contactando vía info@centroxove.com, mandar WhatsApp/Telegram ó 722 720 092 ou pasarte polo espazo.
O evento dará comezo ás 17:00 e contará coa participación de dúas figuras destacadas no ámbito cultural galego: Areta Bolado, actriz da compañía teatral A Panadaría, e Mondra, artista musical. Durante a xornada, compartiremos reflexións e experiencias, amosando como a economía circular se integra nas nosas vidas, mesmo nas traxectorias creativas! Areta e Mondra terán unha conversa na que poderedes participar. Unha oportunidade para coñecer de primeira man como artistas de diferentes disciplinas incorporan os principios de sustentabilidade e reutilización nos seus proxectos.
A música tamén terá un papel destacado nesta xornada. Mondra ofrecerá unha actuación en acústico que será un momento especial dentro do evento. E para pechar esta xornada de intercambio, haberá uns pinchos ó final onde poderás conversar, compartir ideas e desfrutar dun espazo de encontro co resto de participantes!
Non deixes escapar esta oportunidade de aprender, reparar e compartir nun ambiente dinámico e creativo! Esperámoste no Centro Xove da Almáciga o vindeiro martes 8 de outubro ás 17:00.