Sobre o Centro Xove de Creación Cultural
Ola! Somos o Centro Xove de Creación Cultural
Este é un servizo dependente do Concello de Santiago de Compostela a través de Concellaría de Mocidade, polo que prioriza dar servizo á mocidade de Compostela. Dende 2016 estamos no fermoso barrio da Almáciga, aló no alto, cunhas hortiñas municipais ben xeitosas, e unhas vistas impresionantes da cidade.
Ofertamos formación a persoas de 14 a 35 anos, residentes, que estuden ou traballen na cidade. Tamén organizamos formacións e eventos de acceso libre sen limitación ningunha, e acollemos iniciativas que a propia cidadanía achega. Temos os locais municipais de música e outras instalacións dispoñibles para ti.
Cal é o noso horario?
O noso horario de apertura comprende:
- Luns a mércores de 10 a 14 h e 16 a 22 h.
- Xoves, venres e sábados de 10 a 14 h e de 16 a 00 h.
- Domingos e festivos pechamos.
O Centro Xove non acepta reunións para analizar proxectos ou outro tipo de propostas sen solicitar cita previa. Por favor, contacta con nós para calquer trámite ou necesidade!
* Nota: os horarios poden variar en función da programación ou necesidades do centro.
Usuarios mensuais
Bandas
No equipo
Cursos realizados
ONDE ESTAMOS?
Podes atopar o Centro Xove de Creación Cultural no seguinte mapa. Algunhas cousiñas:
- Estamos a 15 minutos andando da Praza de Galicia
- Podes aparcar a bici xusto diante da porta
- Os autobuses urbanos máis próximos son as liñas 5, 6 e 11, que para moi cerquiña.
- Se prefires vir en coche, podes aparcar na contorna. Con todo, pensa sempre en respectar o espazo para o CEIP Apóstolo Santiago (estamos ao carón e as crianzas teñen absoluta prioridade para nós).
É fácil identificarnos: somos o único edificio municipal cun graffiti xigante na porta.
O equipo do Centro Xove de Creación Cultural
Mentor de Bandas do Centro Xove
Guille
Guille é músico, compositor, produtor e arranxista, ademáis de ser Mestre de Educación Musical e mediador cultural.
Como artista, é compositor, cantante e guitarrista principal do grupo Sr.Salvaje, co que publicou dous discos e realizou unha extensa xiral pola península na que compartiu escenario e colaborou con artistas como Enrique Villareal, Santi Campillo, Igor Paskual ou a baixista e produtora de Joe Cocker: Oneida James, entre outros.
Tamén traballou de xeito activo como músico profesional, tanto en sesións de estudo como en actuacións en directo dende o ano 2012 realizando xiras nacionais e superando, entre toda a súa actividade ao longo dos anos, a cifra de 1.500 concertos. Foi compositor e arranxista para diversos proxectos musicais e tamén de teatro e performance, sendo agraciado xunto ao grupo Som Do Galpóm cun premio Martín Codax da Música no ano 2018. Impulsou varios festivais de pequeno formato e estivo vencellado a distintos espazos artísticos e culturais, ademais de facer traballos de composición para series e curtametraxes e actuar en varios programas de televisión.
O seu traballo pon á disposición das bandas do Centro Xove esa experiencia, exercendo de mentor e mediador, guiando e potenciando o desenvolvemento dos proxectos musicais do espazo, incluidas bandas residentes do ámbito profesional.
Responsable do departamento de animación sociocultural
María Alonso
Educadora Social e Xestora Cultural por profesión e vocación, comeza dende ben nova a traballar como Animadora Sociocultural en diferentes proxectos vencellados a todos os grupos de idade, e moi especialmente á mocidade. Durante os últimos anos centra a súa labor como educadora no Centro Ágora e no Fórum Metropolitano da Coruña.
Trasladase de forma recente a Compostela, onde coordina proxectos socioeducativos e culturais ao servizo de diferentes concellos da comarca. Incorpórase ao Centro Xove de Creación Cultural en outubro de 2020, sumando ó equipo máis de 15 anos de experiencia en xestión no ámbito da cultura e da intervención socioeducativa.
Responsable do departamento técnico
José Miguel Rodríguez
Nado en Pontevedra é Técnico Superior en Son para Audiovisuais e Espectáculos, formación que complementa con estudos en comunicación radiofónica e produción e organización de eventos musicais. No 2011 impulsou o seu primeiro festival co apoio do Local de Música de Pontevedra, desenvolvendo dende entón unha extensa traxectoria profesional coma técnico audiovisual en diferentes empresas do sector. A súa experiencia abrangue a gravación e mestura de bandas en estudio, ademais do traballo como técnico de son en directo en salas e festivais por toda a xeografía galega e mesmo na TVG. As bandas do Centro Xove consideran que é o mellor técnico de son de Santiago de Compostela, malia que o seu traballo suceda entre bambolinas.
Ademais da súa faceta técnica é tamén músico, foi baixista da banda Calle del Ruido, formación coa que realizou xiras por España e Portugal, gravou unha colaboración con Xuntos e Pontapés e compartiu escenario con bandas de renome como Mägo de Oz, Moonspell, Los Suaves, Fe de Ratas ou Aphonic. Dende 2024, é o responsable do Departamento Técnico do Centro Xove de Creación Cultural.
Coordinador do Centro Xove de Creación Cultural
Jesús Magaña
Exerceu como docente na Rede de Centros Socioculturais de Santiago de Compostela (2004-2016), traballando simultáneamente nos servizos da Concellaría de Mocidade (2012+). Coordina o Centro Xove de Creación Cultural dende a súa creación.
Conta coa formación de Grao en Psicoloxía e Máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, Grado en Educación Musical e Grao en Educación Primaria. Suma 20 anos de experiencia profesional no ámbito sociocultural, coordinando programas que combinan música e mocidade, en institucións públicas e privadas. Ademais, posúe a certificación C2 en inglés, é especialista en SEO e comunicación dixital, e consultor desas disciplinas en diferentes proxectos.